A renovada praza do Humor na Coruña xa loce a figura homenaxe a Pedro Brandariz

\"\"

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto de homenaxe do Concello da Coruña a Pedro Brandariz, que tivo lugar na renovada praza do Humor con motivo do seu cabodano, a carón da silueta do cómico incluída na praza. “Brandariz deixounos como legado a súa felicidade, unha forma de vida sen complexos desde o humor que hoxe fica para sempre nas rúas da Coruña”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora dedicoulle unhas palabras ao cómico e humorista coruñés, ao que tamén recordaron Siro López, artista e deseñador da praza do Humor, e Víctor Grande, compañeiro de profesión de Pedro Brandariz, que falou en representación do sector, e familia e amigos do humorista. Grande lembrou varias anécdotas humorísticas de Brandariz e sinalou que “todas as homenaxes que lle levamos feitas ao longo deste ano non son suficientes para recordar a Pedro”.

A silueta de Pedro Brandariz é unhas das trece figuras incluídas no contexto dos traballos de mellora e restauración do pavimento artístico ‘Viñetas’, creado por Siro López, pintor e escritor. “Alégrome moitísimo de poder lembrar nestes mármores a Pedro Brandariz, a quen seguramente non lle parecería mal morrer como o fixo pois eu tamén quixera morrer cun lapis na man” sinalou Siro López.

Inés Rey rematou agradecéndolle a toda a familia e compañeiros e compañeiras de profesión a súa colaboración no acto, especialmente aos pais do humorista. “Fagamos o humor, tal e como Pedro dicía, e con el fagamos tamén memoria e xustiza á súa figura que, como digo, ficará para sempre en todos nós”, concluíu. Ao remate, a rexedora fíxolle entrega aos pais de Brandariz do debuxo orixinal da silueta incluída na praza, feito polo seu artista, Siro López.

Renovación da praza do Humor

A homenaxe a Pedro Brandariz foi tamén o marco de presentación da renovada praza do Humor, un espazo que consta de 384 metros cadrados e un pavimento artístico de 472 baldosas de mármore branco coñecido como ‘Viñetas’ no que se representa, mediante ilustracións realizadas por gravado, a autores como Mark Twain, Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Molière, actores como Groucho Marx ou Mae West e personaxes como Astérix e Obélix, Charlot, Mafalda e Snoopy. “Na praza do Humor reúnense desde o ano 1990 artistas, escritores e outras figuras clave da cultura que seguramente nunca tería sido posible que compartisen espazo. Mais a Arte está para iso, para facer maxia e traer á vida real o imposible” explicou a alcaldesa.

O redeseño levouno a cabo Siro López, pintor, escritor e autor do primeiro deseño da praza. “Este é o único recinto europeo destas características e hoxe reinagurámolo coa inclusión dos novos personaxes e quero darlle as grazas ao Concello da Coruña pola súa recuperación 33 anos despois” sinalou Siro López, deseñador da praza.

Ademais da inclusión dos novos personaxes, o Goberno de Inés Rey levou a cabo unha mellora nos diversos elementos patrimoniais da contorna coa recuperación da figura do Gatipedro, sometida a unha limpeza integral; así como a restauración dos bancos-esculturas de Castelao e Cunqueiro e o busto de Vicente Risco así como nas lousas do firme marmóreo, que serán recuperadas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.