Maneiro presentará na Coruña ‘Un bonito despertar’

\"\"

O cantante e compositor Javi Maneiro xira este mes de febreiro por teatros e salas de concertos de Galicia para dar a coñecer o seu cuarto álbum en solitario, Un bonito despertar. O Playa Club coruñés acollerá o sábado 17, a partir das 22.30 horas, o directo do músico, xa recuperado do accidente cerebrovascular que sufriu no 2022. As entradas están á venda desde 10€ a través de www.enterticket.es, mentres que na billeteira da sala de Riazor o prezo será de 15€.

Maneiro visita este inverno os teatros e salas de concertos de Galicia presentar o seu novo disco en solitario, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Logo do lanzamento de Un bonito despertar no mes de maio e da estrea ao vivo na Sala Capitol en xuño, o músico por fin levará o seu novo directo a un total de sete localidades do país grazas ao apoio da Xunta de Galicia. Sobre o escenario, o cantante acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).

Tras visitar Boiro e Ourense, e logo dos días grandes do Entroido, Un bonito despertar presentarase no Playa Club de A Coruña o sábado 17. Ao día seguinte (domingo 18), Maneiro desprazarase a Lugo para actuar na Sala Jagger. Xa de cara á fin de semana seguinte, o músico estará no Master Club de Vigo (sábado 24) e no Centro Torrente Ballester de Ferrol (domingo 25). Finalmente, a xira pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra. Os billetes para asistir aos concertos de presentación de Un bonito despertar pódense adquirir, desde 10 euros máis gastos de xestión, a través de www.enterticket.es (para os directos de A Coruña, Lugo e Vigo) e www.ataquilla.com (Pontevedra e Ferrol).

Biografía Maneiro

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido.

No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro inicia en febreiro de 2024 unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.