Lucía Aldao: “Se me deixan, quedo a vivir en PAVA”

lucía aldao. fotos de antón&martiño

Por Javier Pereira Gasamáns

\"Fotos
Fotos de Antón&Martiño

PAVA  é o novo proxecto musical liderado pola poeta Lucía Aldao. Xa sabíamos dos bos que eran os seus versos, pero agora descubrimos que tamén pode acompañalos de fermosas melodías; para dar forma a unhas cancións pegañentas e cheas de forza e lirismo. Dende mediados do ano pasado PAVA publicou tres ep´s, PAVA 1, 2 e 3, que sitúan a banda como un referente da música pop feita en Galicia. Escoitando o seu tema “Catastro” volvemos crer que rock e poesía poden camiñar da man. Se podedes, este verán, tedes que ir a un bolo de Pava. Non o lamentaredes!

Por que decidiches que estas novas cancións se editen co nome de PAVA e non de Lucia Aldao?

Hai dúas razóns que dan coherencia a esta decisión. Unha é que desde hai dous anos somos unha banda e funcionamos como grupo de traballo, así que ten todo o sentido que nos ampare un nome que non sexa só meu. Eu lidero o proxecto e continúo a ser compositora das letras e melodías, pero o resto do proceso recae tamén en Analís (batería), Pablo Silva (guitarra) e David Santos (baixo). Por outro lado, sigo a manter unhas cantas actividades paralelas vinculadas ao mundo da literatura e das artes escénicas, así que foi boa idea pasar do meu nome e apelido para este apartado musical que é PAVA. E gústanos ser “as de PAVA”, claro.

Cales son as principais diferencias entre PAVA e outras aventuras musicais nas que estiveches implicada?

Digamos que este proxecto é máis completo e definido por moitos motivos. Estas cancións son o lugar onde logro xuntar as dúas paixóns polas que eu me movo feliz, a palabra e a música, e aínda que comezou cunha discreción propia da inseguridade, houbo sempre tamén certa determinación e firmeza á hora de tirar para adiante, e iso porque é do que máis me gusta de todo canto fixen e por iso merece todo o meu esforzo e cariño.

Os temas de PAVA levaban moito tempo compostos? Ao engadir os músicos que te acompañan, mudaron moito as cancións?

O primeiro EP de PAVA, de 2021, levaba un mix tolo dalgún tema traballadísimo desde había anos mesturado con tímidos bosquexos dos que a marabilla de produtor, Diego Delgado, foi quen de sacar cancións. PAVA 2, de 2022, compúxose e produciuse nun par de semanas. Os dous traballos coñeceron o directo xa coas cabezas de Pablo, David e Analís aportando un montón de cousas a favor das cancións, con arranxos e voces que fomos puíndo ata que nos gustaron e cremos que podían gustar á xente que se achega a escoitarnos en directo.

De onde saen os músicos que te acompañan e por que decidiches que fosen os teus compañeiros?

Jo, pois saen dunha tenda de agasallos ou dunha lista de desexos, non sei ben como explicalo para transmitir o agradecida que estou con elas. Analís (Perpetuo Socorro, Romance) é unha amizade de moitos anos íntima e valiosa. O mesmo é Pablo (Combo Dinamo, Monstruo, Romance), a quen eu non coñecía case, para ela. E foi un ‘regalazo’ que nos xuntase. David (Cró!, Es un árbol, Leira Papaia) veu para salvar uns bolos e non o deixamos marchar. É unha marabilla de persoa e de músico. Teño moita sorte.

As letras de PAVA cres que seguen a liña da túa poesía en canto estilo e temática? Que che dá máis traballo, compoñer os textos para a música ou crear un texto que non vai ter o apoio da música?

Si, non? Quero dicir, unha sempre é unha cando escribe, coas súas teimas e intereses. Hai licencias que me permito nuns xéneros aos que non lles vexo cabida noutros, pero iso é normal. Persoalmente, tendo á auto esixencia e a deixarme levar a partes case iguais, e noto como na escrita estritamente poética póñome máis dura comigo mesma e co resultado que quero obter (non sempre, tampouco). Ao facer letras noto outra liberdade máis próxima ao xogo, e están aí a métrica e os instrumentos axudando a que todo flúa, claro.

A túa idea é que PAVA sexa un proxecto de longo percorrido ou algo puntual?

Se me deixan, eu quedo a vivir en PAVA.

Por que o proxecto veu a luz en forma de tres eps e non saíu como un álbum xa rematado? Ves algunha vantaxe nesta forma de editar o teu traballo?

Sempre digo que PAVA é o que pode ser, sen máis. Por cuestións de tempo, económicas e demais, resultoume máis accesible, polo de agora, facer por xuntar uns poucos temas e publicalos cada ano ou ano e pico. Non sei se se lle pode chamar estratexia a facer o que podes permitirte facer nun estado que ten toques de supervivencia. Desde logo, o plan perfecto sería que todo fose máis fácil con respecto aos tempos e aos cartos, pero como non é así pois imos resolvendo como boamente podemos, que unhas veces é ben e outras regular. Pero melloramos, eh! Inda ben!

Esperabas que PAVA tivese unha acollida tan boa?

A acollida de PAVA é cualitativamente boa, penso. Á xente que lle gusta, gústalle abondo. É bonito vivir iso. Sería estupendo que puidésemos ter máis alcance e queremos traballar nesa dirección, porque confiamos nas nosas cancións e vemos que funcionan no alcance medio que estamos a ter. Podedes acender unha candea por nós ou vir aos nosos concertos. Por certo! Estreamos PAVA 3 o 9 de maio na sala Riquela de Santiago. Vinde. Obrigámosvos.

[siteorigin_widget class=\”SiteOrigin_Widgets_ImageGrid_Widget\”][/siteorigin_widget]

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.