Dios Ke Te Crew, PAVA, Alana, Ulex e Boyanka Kostova actuarán no festival ‘Aquí tamén se fala’

aquÍ tamÉn se fala 2

\"\"

O IES Rafael Dieste acolleu a presentación do festival ‘Aquí tamén se fala’, que terá lugar o venres 13 de xuño a partir das 17.00 h na praza da Tolerancia. Esta iniciativa parte do alumnado e profesorado do instituto e conta coa colaboración do Concello da Coruña. “Apostamos desde o Goberno de Inés Rey polo fomento da música e de todas as expresións artísticas en galego, como estamos a promover tamén nos eventos que organizamos directamente ao longo do ano”, indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Dios Ke Te Crew, PAVA, Alana, Ulex e a colaboración especial de Boyanka Kostova, que xa participaron na primeira edición, conforman o cartel deste festival gratuíto. Ademais, desde a organización anuncian unha actuación sorpresa que terá lugar no propio festival. 

 No acto, ademais de Gonzalo Castro, tamén estiveron presentes Valentín García Gómez, secretario xeral de Lingua; Soledad Agra, responsable da área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña; Idalecio Cabana, xefe territorial da Coruña; Norma Fariña, directora do IESP Rafael Dieste; Arcadio González e Mónica Reigía, profesores coordinadores do festival; e Lucía Aldao, integrante do grupo PAVA. 

A deputada de lingua, Soledad Agra, destacou durante a súa intervención a “afouteza, alegría e o inconformismo da mocidade” que se plasma nesta reivindicación da “lingua, a cultura e o patrimonio inmaterial que nos transmitiron as nosas cantareiras desde fai séculos”. A entidade provincial apoia a celebración deste festival cunha achega de 18.000€.

Agra concluíu afirmando que o galego “suma”, pois “é unha lingua vital, para vivir, cantar, estudar calquera materia educativa, desenvolver calquera traballo científico, viaxar, facer deporte e amar”. E, engadiu: “Estamos a tempo de darlle outro rumbo ó galego, e así poderemos dicir en toda Galiza: AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO”.

Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, resaltou que “se volve pór de manifesto a importancia dos espazos escolares como motores de dinamización da nosa lingua e a implicación de alumnado e profesorado con este tipo de proxectos a prol do galego”. O representante da Xunta convidou a asistir a esta cita coa “música máis actual feita en Galicia e en galego, unha vía máis para prestixiar e impulsar o uso da nosa lingua entre a poboación máis nova”.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.