A Coruña acolle o festival de cinema fantástico Lóstrego e unha nova edición do Flores Rock

\"\"

O Festival Lóstrego arrinca hoxe, 3 de setembro, a súa primeira edición na cidade da Coruña cunha programación centrada no cinema fantástico e de terror. O concelleiro de Cultura, Gonzalo Henrique Castro Prado, participou na apertura institucional do evento, que se desenvolverá ata o sábado 6 de setembro, con proxeccións, obradoiros, charlas e actividades de lecer para públicos de todas as idades.

Durante a súa intervención, o concelleiro destacou a importancia desta nova proposta cultural \”que achega unha ollada renovadora ao audiovisual e converte A Coruña nun punto de encontro para persoas creadoras, público e profesionais do sector\”. Castro subliñou tamén o valor do festival \”como espazo interxeracional e accesible, que dialoga coa tradición do xénero pero aposta pola innovación e a diversidade\”.

O Festival Lóstrego nace co obxectivo de consolidarse como unha cita de referencia para o audiovisual galego e para as persoas afeccionadas ao chamado \”fantaterror\”. A súa programación combina a exhibición de curtametraxes galegas, nacionais e internacionais con longametraxes como Malencolía, Jacinto, Sen alma, La noche de los muertos vivientes, Mirai, mi hermana pequeña ou Totoro. A Sección Oficial de Curtametraxes desenvolverase en catro sesións, unha cada tarde entre o 3 e o 6 de setembro.

Ademais das proxeccións, o festival ofrece un amplo abano de actividades paralelas: obradoiros infantís como \’Crea o teu monstro\’, \’Pinta o teu Totoro\’ ou \’Dados de storytelling\’; contacontos, unha xincana máxica, disfraces, mural colectivo, presentacións de libros e encontros profesionais e masterclasses, pensadas para fomentar o intercambio entre cineastas e público.

Un dos espazos destacados desta edición é a exposición colectiva arredor de Totoro, icónico personaxe do cinema de animación xaponés e símbolo de calma, fantasía e respecto pola natureza. A mostra recolle a reinterpretación da figura de Totoro a través das obras de 35 artistas.

A gala de clausura, que terá lugar o sábado 6 pola noite, incluirá a entrega dos premios ás mellores curtametraxes da sección oficial, así como o recoñecemento do público e a intervención das persoas responsables da organización, que pecharán esta primeira edición cunha mensaxe de agradecemento á cidade e ás entidades colaboradoras.

O evento conta co apoio do Concello da Coruña, do Fórum Metropolitano, da organización Alas A Coruña, da produtora Fonofox e da entidade Kinemaland: La Tierra del Cine. Toda a información sobre o certame pode consultarse na súa páxina web www.lostregofestival.com e nas redes sociais oficiais do festival.

\"\"

Festival Flores Rock

O Barrio das Flores vivirá esta fin de semana unha nova edición do festival Flores Rock, un das grandes celebracións anuais do distrito coruñés, e que volverá ao grande con grupos como Konflikto, Soziedad Alkoholica, Benito Kamelas e Dirkschneider como varios dos pratos fortes desta edición.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a programación completa, organizada entre o Concello e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores. Arrincará o venres 5 e, ata o domingo 7, serán tres días consecutivos de festexos en puntos como a praza do Sol Nacente e a praza central do barrio.

\”Haberá concertos e actividades para todos os públicos. Ademais das actuacións, contaremos coa programación do Flores Kids, con propostas para os máis pequenos, e tamén disfrutaremos do Mercado do Flores, con música en directo, gastronomía e a oferta de case medio cento de postos de artesanía\”, precisou Castro.

A primeira xornada, a do venres 5, contará coas actuacións de Far Away Place (20.00 horas), Nashgul (21.15), Dirkschneider (22.30) e o peche de Dark Embrace (00.15).

Xa o sábado 6, a partir do mediodía, haberá actividades e concertos: a actuación de Costas (13.15), o espectáculo de Pako Pakolas para o público infantil (18.00) e, a continuación, arrincarán as actuacións previstas entre a tarde e a noite, con Raiade (19.00), Benito Kamelas (20.15), Konflikto (22.00), Demenzia Sozial (22.50), Soziedad Alkoholica (23.35) e Nucleus (01.20).

O peche desta edición terá lugar o domingo 7. Novamente, con actividades para todos os públicos. A partir das 11.00, a gran praza central do barrio acollerá o Mercado do Flores, que se prolongará durante todo o día, ata as 20.00 horas. Haberá tempo para disfrutar das actuacións de Maghúa (12.15), Duo Chili (13.15), Collón de Lola (14.15) e Yaya DJ (15.30).

Como xa é habitual no Flores Rock, a programación inclúe a agrupacións locais que participan no festival tras tomar parte na batalla de bandas que se celebra no mes de maio.

Este ano, os grupos gañadores foron Far Away Place e Nucleus, que actuarán no Barrio das Flores. \”Iniciativas como esta visibilizan ao talento local e contribúen a abrir camiño ás agrupacións coruñesas próximas ao rock e o metal, entre moitos máis xéneros\”, puxo en valor Castro.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.