A Coruña celebra a Luísa Villalta

arquivo familiar luisa villalta (19)

\"Versos

Versos de Luísa Villalta no coruñés barrio do Papagaio. Foto: Iván Barreiro

Foi na Coruña, o 15 de xullo do 1957, onde naceu Luísa Villalta, a autora homenaxeada este ano pola Día das Letras Galegas. E foi tamén aquí onde a escritora faleceu no 2004, con 46 anos de idade vítima dunha meninxite. Coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento, a urbe acollerá diversos actos para recordala, organizados polo Concello, a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e outras entidades e organismos culturais.

A Coruña deixou unha gran pegada na obra poética de Luísa Villalta e noutros títulos como a novela ‘Teoría de xogos’. A autora, que era docente no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, foi un expoñente fundamental á hora de trenzar a identidade da literatura galega entre as décadas dos 80 e os 90. “Ler a Luísa era, e é, viaxar ao corazón dos barrios da nosa cidade. Unha persoa coma ela, que se achegou a todos os recunchos ocultos da Coruña con sensibilidade e compromiso, tiña que formar parte da nosa paisaxe urbana. E así é desde o ano 2019, cando se incorporou o seu nome ao noso rueiro, no barrio de Xuxán”, comentou a alcaldesa Inés Rey no acto de inauguración do Belén da cidade nas pasadas festas de Nadal -que incluía por primeira vez unha figura da escritora. “Lembrar a Luísa Villalta é recuperar o seu legado cultural e a súa pegada feminista”, asegurou entón a rexedora.

Este perfil máis comprometido é tamén o que destaca en ‘Papagaio’, o poemario que escribiu sobre o derrube do barrio da prostitución da súa Cidade Alta e que se publicou postumamente. Maribel Longueira, que fotografou todo o proceso de derrubamento, convidou a varias poetas a escribir algún texto sobre o barrio. Ás poucas semanas Luísa Villalta presentouse na súa casa con 19 poemas, as imaxes correspondentes e todo organizado nas tres seccións que despois integrarán o libro.

Multixenérica e música

Poesía, teatro, narrativa e ensaio forman parte da obra de Luísa Villalta, unha escritora multixenérica. “Sitúase sempre na emoción e na ambición expresiva: poética sen concesións, que propón unha lectura esixente, ao tempo que ofrece rexistros renovados e estimulantes”, afirma o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Ana Romaní, autora da biogafría que podemos ler na web da RAG, recoñece a Villalta como unha escritora que se incardina no seu tempo e sempre atenta aos debates do momento en que viviu, pero subliña a capacidade que demostrou de trazar no literario itinerarios insólitos. “Os acentos da súa voz, os focos do seu traballo, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende pola súa singularidade”, sinala.

Titulada superior en violino, chegou a forma parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, e tamén foi membro do grupo folk Escaino, pero consciente das dificultades de abrirse camiño profesionalmente como intérprete, converteuse en profesora de Lingua e literatura galegas de secundaria no ensino público, profesión que exerceu con destino definitivo a partir de 1991 no IES Isaac Díaz Castro de Sada. Así e todo, a música nunca a abandonou e deixou unha fonda pegada na súa produción literaria dende os seus inicios, con títulos como a obra teatral ‘Concerto para un home só’ (1989) -a súa primeira publicación- e o seu debut como poeta, ‘Música reservada’ (1991), ou o ensaio ‘O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas as artes na historia da literatura galega’ (1999).

Lembrando a Villalta

A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña preparou unha campaña polo Día das Letras Galegas centrada na figura de Luísa Villalta, que inclúe diferentes actividades, algunhas durante todo o ano: obradoiros en centros de ensino, distribución de libros, contadas infantís, ilustracións e unha gala no Teatro Colón con poetas, cantantes e compositores que ao peche desta edición aínda non anunciara a súa data.

A Deputación colabora tamén na serie documental web ‘Luísa Villalta: a rebelión da palabra’, producida pola Real Academia Galega e que pode verse na páxina web da institución academia.gal A serie consta de seis episodios nos que máis dunha vintena de voces trazan un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa, unha creadora que -coinciden os entrevistados- cultivou a escoita para entender o mundo e concibiu a literatura como unha forma de transformalo a través da emoción.

O impulso destrutor / da vida / oferécenos o / medo / como refuxio / único, / mentres / dá cabo / ao seu / traballo / inevitábel. / Mentres, o sosego / da espera, / a emoción da / observación, / a rebelión / oportuna. / A palabra, escribiu a autora semanas antes do seu pasamento no almanaque poético no que estaba a dialogar con poemas de autores universais, publicado postumamente baixo o título ‘As palabras ingrávidas’ (2020). “Estes versos inspiran o nome da serie e condensan a confianza de Luísa Villalta na capacidade transformadora da literatura. E esa esencia dela queda perfectamente captada nesta narración audiovisual”, salientou o presidente da RAG. “É un relato que transmite e fai sentir o enorme impulso creativo, a gran curiosidade intelectual, a sensibilidade artística e claro sentido da xustiza da escritora que celebramos este 17 de maio”, engadiu Víctor F. Freixanes.

O 17 de maio a RAG celebrará o seu pleno extraordinario no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A sesión pública, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, contará con tres intervencións sobre a autora a cargo das académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e do académico Euloxio R. Ruibal.

Por outra banda, e dirixido ao público más novo, a RAG conta co portal primaveradasletras.gal no que, ademais doutras actividades interactivas arredor do universo vital e literario da autora, tamén pode descargarse o conto ‘Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta’, de Xoán Babarro e Ana María Fernández.

Xa no último cuadrimestre do ano, a RAG celebrará o Simposio Luísa Villalta, no que reunirá distintas voces especialistas que achegarán novas contribucións arredor da súa figura e do seu legado literario.

[siteorigin_widget class=\”SiteOrigin_Widget_Headline_Widget\”][/siteorigin_widget]
[siteorigin_widget class=\”SiteOrigin_Widget_Hero_Widget\”][/siteorigin_widget]

Fotos: Arquivo familiar de Luísa Villalta.

A biografía que asina Ana Romaní sobre Luísa Villalta na web da RAG recolle os seus primeiros anos na casa familiar da rúa Vila de Laxe no barrio da Falperra. A escritora era a filla maior dunha familia de clase media. O seu pai era profesor mercantil e súa nai, formada en comercio.

Villata comeza a súa formación no Conservatorio de Música da Coruña con oito anos. Estuda tamén no colexio das Xosefinas e remata o curso de acceso á universidade no Instituto Eusebio da Guarda en 1973-74.

Licénciase en Filoloxía Hispánica e en Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela en 1982. En 1988 aproba o concurso-oposición de agregados de Bacharelato, segundo denominación da época, e despois de impartir aulas en varios centros exercerá en 1991 como profesora de lingua e literatura galega con destino definitivo en Sada, no instituto Isaac Díaz Pardo.

A música foi a ocupación principal na mocidade, obxecto dos primeiros artigos e foco de moitas das reflexións ensaísticas posteriores. Será tamén base da articulación da obra literaria e trazo significativo da súa poética.

Nos anos 90 entra como vogal na directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, participa no consello de redacción da revista Contemporánea, representa a AELG no European Writers Congress en Viena, asiste aos congresos de Galeusca, ao III Congreso de Escritores Galegos, ao Simposio Internacional Muller e Cultura ou ás I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa.

Participa vivamente tamén nos debates culturais da fin do milenio. É unha das impulsoras do Foro da Cultura Galega – no que coordina a área de Revisión Histórica e Análise Crítica da Cultura- que tiña por obxecto analizar as condicións da cultura.

Luísa Villalta falece inesperadamente na madrugada do 6 de marzo de 2004 na súa casa da Coruña, mentres durmía. Unha meninxite fulminante pon fin á vida da escritora. Os seus restos mortais descansan no cemiterio de Santo Amaro da cidade herculina.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.