A Deputación da Coruña lanza a campaña ‘Liberdade de ser e de sentir’ polo Día da diversidade Sexual

presentaciÓn 28x 1

\"\"

A Deputación da Coruña conmemora o Día da Diversidade Sexual, impulsando a campaña de sensibilización ‘Liberdade de ser e de sentir’. Así o presentou a deputada de igualdade, Soledad Agra, acompañada de Ana García, de Alas A Coruña; Victoria Fernández da compañía, Pérez & Fernández  e Emi Candal, de Urdime.

Implicación de concellos e entidades

Trátase dunha nova edición desta campaña que apela á complicidade dos 93 concellos da provincia e convida a adherise á iniciativa a aquelas entidades do tecido asociativo que estean interesada en participar, asumindo 3 compromisos moi sinxelos: Iluminar, se é posible, un espazo público coas cores da bandeira LGTBQI+; expoñer publicamente a bandeira LGTBQI+  e difundir a campaña nas redes empregando o cancelo #seresentir. “Desde a Deputación queremos que os recursos, a información e a visibilización do colectivo cheguen a todos os concellos da provincia, independentemente do seu tamaño e orzamento”, sinalou a deputada.

Actividades anuais

A campaña iniciouse o pasado 31 de maio coa celebración da IV edición do congreso ‘Memoria Diversa’, que centrou a reflexión sobre os novos e vellos discursos de odio contra o colectivo LGBT, creando espazos de encontro e reflexión arredor da memoria do colectivo LGBTIQA+ en Galiza. O congreso foi gravado e está dispoñible na canle de YouTube da Deputación da Coruña.

Ademais do congreso, inclúe diferentes actividades que se desenvolverán nos próximos meses xa que, tal e como sinalou a deputada, “na Área de Igualdade da entendemos que o activismo polos dereitos das persoas LGTBQI+ non debe cinguirse a un único día no ano, polo que a programación que compón a campaña estenderase durante meses”:

  • Acto institucional do día 27 no Pazo da Deputación con lectura dun manifesto e unha lectura colectiva de fragmentos de literatura queer galega.
  • Desenvolvemento de tres palestras: Institucionalización das persoas LGTB; Medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTB no ámbito laboral e Corpos e sexualidades disidentes.
  • Representacións teatrais para distintos públicos espalladas por 20 concellos da provincia procurando chegar ao maior número de comarcas do territorio como segue: 10 representacións da obra “Rosa e azul”, de Pérez & Fernández, dirixida a público infantil e 10 representacións da obra “Vicio houbo sempre”, de Atenea García e dirixida a público adolescente e adulto.
  • Creación de contidos informativos descargables para que concellos e entidades poidan dipor deles nos puntos de información LGTB que organicen.
  • Actualización da páxina web seresentir.gal con novas propostas de literatura LGTB, recompilación de recursos audiovisuais (curtametraxes, películas e series con representación diversa) e enlaces a materiais de libre acceso, así como suxestión de contidos para diferentes idades.
  • Instalación de puntos LGTB en 8 concellos da provincia.
  • Envío de merchandising a concellos de menos de 30.000 habitantes.

“A loita do colectivo LGTBIQ+ non é só unha loita legal, senón tamén polo dereito a vivir con dignidade, sen medo, sen violencia e sen discriminación” apuntou Agra. “Unha loita pola liberdade de ser, estar e sentir. E estas campañas, por desgraza, seguen sendo moi necesarias.”

A Información irase actualizando na web https://seresentir.gal/ e faranse comunicacións periódicas a concellos e entidades adheridas informando das novidades.  Para consultas e suxestións  habilítase o correo electrónico seresentir@dacoruna.gal e o teléfono 646 908 177.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.