A II Gala de Turismo da Deputación da Coruña premiou cinco proxectos e traxectorias

\"\"

A Deputación da Coruña reuniu no Porto de Oza – Marina Varadero ao sector turístico da provincia na segunda edición da Gala de Turismo, un encontro que continúa medrando e que xa se consolida como unha das citas anuais máis relevantes para profesionais, entidades e empresas vinculadas ao turismo coruñés. A gala serviu como espazo de recoñecemento, reflexión e impulso para un sector estratéxico que segue avanzando cara a un modelo máis sostible, competitivo e conectado coa identidade do territorio.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, salientou o papel do sector como motor de desenvolvemento económico e social na provincia, especialmente nos concellos rurais. “O turismo non é un capricho nin un fenómeno pasaxeiro: é unha estratexia de futuro, capaz de xerar emprego, fixar poboación e dinamizar os nosos territorios”, apuntou.

Os proxectos e iniciativas recoñecidos hoxe representan “un modelo de turismo innovador, auténtico, de calidade e comprometido coa nosa terra”, subliñou Formoso, que lembrou que o sector turítico representa arredor do 13% do PIB galego e mantén 130.000 empregos.

O presidente puxo tamén en valor o traballo da Deputación nos últimos anos para consolidar un modelo de turismo “sostible e desestacionalizado”, con acións como os Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), que suman máis de 8M€ de investimento; a recuperación da Vía Verde Compostela Tambre Lengüelle, a promoción do Camiño Inglés no Reino Unido, iniciativas como \’Os Fogóns do Anllóns\’ e a campaña \’A paisaxe que sabe\’.

Pola súa banda, o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que “a II Gala de Turismo é unha oportunidade para seguir impulsando un modelo turístico comprometido co territorio, co conxunto da provincia e co seu futuro”.

Regueira destacou que “o sector turístico coruñés avanza grazas ao traballo diario de persoas, entidades e proxectos que saben que o turismo só funciona cando é capaz de xerar unha dinámica positiva para a economía local”.

Ademais, o vicepresidente fixo fincapé na importancia da identidade como sinal distintiva do turismo provincial, afirmando que “apostamos por poñer en valor o que somos: a autenticidade do noso territorio, a maneira en que se vive no rural, no mar ou na horta, a nosa cultura propia e a nosa lingua”. Engadiu que “todo iso conforma unha experiencia real, non artificiosa, que nos diferencia e que nos permite construír un turismo atractivo, sustentable e competitivo”.

Canto ao sentido dos premios entregados na gala, Regueira lembrou que “estas distincións recoñecen iniciativas que demostran que innovación, calidade e sostibilidade son compatibles coa posta en valor da realidade da nosa terra”. Ao respecto, congratulouse polas “alianzas tecidas no territorio co sector, coas empresas e coas persoas implicadas no eido turístico”.

Finalmente, concluíu que “o éxito do turismo na provincia non reside en copiar modelos alleos, senón en potenciar aquilo que nos fai únicos e en acompañar tanto os proxectos emerxentes como as traxectorias de toda unha vida”.

Cinco premios que reflicten a diversidade e o talento do turismo coruñés

O xurado estivo composto por catro profesionais do ámbito do turismo e da comunicación: a xornalista Ana Iglesias, a profesora da UDC María Elvira Lezcano González, o divulgador gastronómico Jorge Guitián Castromil e o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo González Pardal. Este comité foi o encargado de avaliar as propostas presentadas desde toda a provincia e de seleccionar as cinco iniciativas recoñecidas nesta edición polos seus valores de innovación, identidade, desenvolvemento e traxectoria.

O premio á Mellor iniciativa de innovación, calidade e sustentabilidade turística foi para Volta Montana, recoñecida pola súa aposta por experiencias responsables, innovadoras e de alta calidade. A deputada provincial Mónica Rodríguez entregou o galardón, que foi recollido por Micaela López e Cristina García Souto, en representación do equipo promotor.

Na categoría de Mellor iniciativa de posta en valor da autenticidade do territorio, o recoñecemento recaeu en Chichalovers, unha empresa que promove a identidade e singularidade da provincia a través de accións culturais e turísticas que fortalecen o arraigo e a memoria colectiva. O deputado José Ramón Amado entregou o premio aos seus fundadores, Graciela e Darío.

O galardón ao Mellor proxecto de turismo emerxente correspondeu ao Hotel Espazo Nature (Razo, Carballo), un proxecto que, malia a súa recente creación, xa se consolidou como un referente grazas á súa aposta por un turismo baseado na natureza, o benestar e a sostibilidade. A deputada Avia Veira entregou o premio, recollido por Laura Vázquez.

O premio ao Mellor proxecto de turismo enogastronómico foi para A Artesa da Moza Crecha (Betanzos), recoñecendo o seu compromiso coa cociña local, o produto de proximidade e a posta en valor da cultura gastronómica da comarca do Mandeo. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, fixo entrega do galardón, que foi recollido por Paula Martínez e Lolo Mosteiro.

Por último, o Premio á traxectoria – Toda unha vida dedicada ao turismo distinguiu a Carlos Rodríguez, profesor e secretario do CENP-Escola de Turismo da Coruña, cuxa carreira profesional contribuíu de maneira decisiva á formación e dignificación do sector turístico na provincia. O vicepresidente Xosé Regueira foi o encargado de entregarlle o recoñecemento.

Unha edición que impulsa o futuro do turismo provincial

A II Gala de Turismo da Deputación da Coruña concluíu cunha mensaxe unánime: o turismo provincial vive un momento de solidez, diversidade e capacidade de proxección. O compromiso institucional, xunto co esforzo das empresas, profesionais e iniciativas premiadas, evidencia a construción dun modelo turístico sostible, innovador e conectado coa realidade da provincia.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.