A mellor música contemporánea de vangarda volve á Coruña do 25 de abril ao 31 de maio no festival RESIS

resis 4

\"\"

RESIS, o Festival Internacional de  Música Contemporánea da Coruña, chega este ano á súa oitava cita, que volverá contar co patrocinio da Deputación da Coruña. Presentouse nun acto no que interviron a deputada de Cultura, Natividade González; o edil de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; o director territorial da Consellería de Cultura, Severino Álvarez; a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García, e o director do festival, Hugo Gómez-Chao.

A programación, do 25 de abril ao 31 de maio, inclúe 12 concertos, 12 estreas absolutas, 4 encargas, exposicións, clases maxistrais, coloquios, conferencias e propostas de arte sonora e dixital. Poderán gozarse en espazos de destacado valor patrimonial, arquitectónico e paisaxístico da cidade: a igrexa das Capuchinas, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón, o Pazo da Ópera, o Museo de Belas Artes da Coruña, a DOMUS e a sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT).

Durante as cinco semanas de programa, o festival reunirá a formacións coma Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble e a Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia; a directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas e Javier Fajardo, e a solistas como Virginia Guidi, Florian Hoelscher e Florentin Ginot.

Na súa intervención, Natividade González reafirmou o “firme compromiso” do departamento de Cultura da Deputación “co apoio a iniciativas que, coma esta, abren camiños para a experimentación, a creación contemporánea e o diálogo entre diferentes disciplinas artísticas”.

“O Resis”, afirmou, “é moito máis ca un festival de música contemporánea e un dos encontros máis vangardistas e necesarios do panorama cultural galego:  é unha plataforma que pon en valor a creación sonora do noso tempo, combinándoa con outras artes vivas, a tecnoloxía e a reflexión sobre o espazo e a sociedade”. “Ano tras ano”, engadiu, “esta cita reafirma a provincia da Coruña como un epicentro da cultura de vangarda, atraendo artistas de prestixio internacional e dando voz a novos creadores que atopan aquí un lugar para innovar e compartir o seu talento”.

Para González, a Deputación “ten a obriga de apoiar proxectos coma o Resis, que non só ofrecen unha programación de altísima calidade, senón que tamén fomentan o acceso á cultura e a educación artística, cunha clara vocación de proximidade e inclusión”.

\”Desde o Goberno de Inés Rey levamos anos impulsando este certame e nesta edición podemos comprobar o froito da nosa colaboración, cunha programación que traspasa as fronteiras da cidade e amosa o poder cultural coruñés en Santiago, Madrid ou Roma\”, sinalou o concelleiro Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro. O RESIS dará comezo co concerto de Arxis Ensemble xunto ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, o venres 25 de abril no Teatro Rosalía de Castro.

O RESIS, cunha programación experimental e híbrida, desenvolverá ao longo destes 30 días concertos, arte sonora, tecnoloxía e dixital, exposicións, cine, masterclasses, coloquios e conferencias que se encadrarán nunha ducia de espazos de alto nivel patrimonial, arquitectónico e paisaxístico no centro da cidade da Coruña. As entradas aos concertos e actividades serán gratuítas, reservándose en ataquilla.com ou de maneira presencial no quiosco da Praza de Ourense. Toda a programación pode ser consultada na páxina web www.resisfestival.gal.

A entrada a todos os concertos e actividades é de balde, e a localidades pódense retirar no quiosco da praza de Ourense ou na web ataquilla.com.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.