A Sombra dos Soños, Noar, MJ Pérez, Caldo e Moura actuarán nos concertos do ciclo Festa da Música da Deputación da Coruña

\"\"

O Teatro Colón acolleu a presentación da Festa da Música, organizada pola área de cultura da Deputación da Coruña para celebrar o Día Europeo da Música. A entidade provincial programará concertos de A Sombra dos Soños, Noar, MJ Pérez, Caldo e Moura en catro concellos da provincia os días 15, 20 e 21 de xuño.

Concretamente, a Festa da Música comezará o día 15 en Cabana de Bergantiños coa actuación de A Sombra dos Soños ás 22:30h no local social de Canduas; continuará o día 20 con Noar no auditorio de Ribeira ás 11h; o 21 con MJ Pérez ás 22:30h na praza do Mercado de Muros, e rematará o 22 co concerto conxunto de Caldo e Moura ás 20h no Teatro Colón, na Coruña. Para este último, poden retirarse as entradas na páxina web de ataquilla ou no quiosco da coruñesa praza de Ourense.

A deputada de cultura, Natividade González, destacou “o apoio á música en galego” que se fai dende a Deputación, “un compromiso que asumimos para poñer en valor a nosa cultura e identidade”. Ademais, apuntou, “para nós é un pracer contar cun cartel de tan alto nivel como este”, nunha iniciativa na que “traballamos conxuntamente cos concellos para programar música de artistas galegos e que a veciñanza da provincia a poida palpar.”

MJ Pérez agradeceu formar parte da Festa da Música, onde participará cun concerto “da xira de nada menos que o décimo aniversario”, con toda a banda, en Muros.

O músico José Carballido, de A Sombra dos Soños, dixo sentirse “contento” de participar neste programa, “que celebra a música e que, ademais, é unha mostra da variedade musical que temos agora mesmo en Galiza, onde vivimos un momento histórico”. José Carballido tamén salientou o labor da Deputación, “fundamental” para “apoiar a creación en galego e visibilizar a nosa cultura”. Convidou ao público a asistir ao seu concerto en Cabana de Bergantiños, que será “fermoso e cañero”.

E, por último, o cantante de Moura, Diego Veiga, subscribiu as palabras de José Carballido, resaltando que se trata dun “cartaz que condensa moi ben o excelente estado de saúde da música galega”. Tamén afirmou que é “un orgullo actuar nun espazo icónico como o Teatro Colón, que nos permite ademais chegar a outro público”.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.