Christian McBrid e Tia Carroll actuarán en xullo na Coruña no Festival Internacional +QJazz

\"\"

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, participou este luns no acto de presentación da nova edición do Festival Internacional +QJazz, unha iniciativa na que o Concello da Coruña colabora coas principais salas de música en directo da cidade para ofrecer, entre os días 2 e 9 de xullo, un amplo abano de concertos que estarán protagonizados por referentes do panorama jazzístico internacional, nacional e galego.

A programación abrirase na praza de Azcárraga o día 2 de xullo (21.00 horas), coa Tia Carroll Band, encabezada por unha das cantantes máis carismáticas e respectadas da actualidade nos xéneros do blues e o soul. Tia Carroll, integrante do Salón da Fama do Blues, inspira o seu traballo en lendas coma Tina Turner e Aretha Franklin.

Xa o día 3 de xullo, en dúas quendas (21.45 e 23.00 horas) no Jazz Filloa, será o turno de Verónica Ferreiro e Javier Sánchez, dous músicos que se adentran nunha mestura de jazz, folk e música clásica. Ferreiro, coruñesa residente en Madrid, presentará o seu novo traballo \’Camiño\’.

A programación do +QJazz continuará o 4 de xullo na sala Mardi Gras (21.30 horas), coa actuación da Joe Lastie\’s New Orleans Sound. Lastie, criado nunha saga familiar de grandes artistas á batería, acompañou durante a súa traxectoria a Irma Thompson, Allen Toussaint e The Blind Boys of Alabama, entre outros.

O festival seguirá o venres 5 co concerto do James Carter Organ Trio no Garufa Club (22.00 horas), onde tamén terá lugar a actuación de Los Hot Chocolates xa o sábado 6 (22.30 horas).

O prato forte do festival será o Christian McBride Quintet, que actuará no Teatro Colón o martes 9 de xullo, ás 21.00 horas, na xornada de clausura. McBride, baixista, compositor e director de banda gañador de oito premios Grammy, estará acompañado na Coruña de catro talentos emerxentes: a saxofonista Nicole Glover, a guitarrista Ely Perlman, o pianista Mike King e a baterista Savannah Harris.

Castro, acompañado hoxe por Pepe Doré, xerente da sala Garufa, apuntou ao impacto que ten \”a continuidade no tempo do Festival Internacional +QJazz, que destaca na programación cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey para reforzar a posición da Coruña e as súas salas de música como faros de desenvolvemento e visibilización do jazz, a escala internacional e nacional\”.

As entradas da nova edición do Festival Internacional +QJazz sairán á venda nos próximos días a través da páxina web de Ataquilla, no despacho de billetes do quiosco da praza de Ourense e no despacho de billetes do Teatro Colón.

\"\"

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.