Compostela e A Coruña acollerán o XIII Encontro Artes pola Integración

\"\"

Santiago e A Coruña comparten este ano a programación do XIII Encontro Artes pola Integración, que regresa á capital galega despois de varias edicións tendo á cidade herculina como única sede. O festival, que se desenvolverá entre o 19 de xuño e o 6 de xullo, utiliza as artes escénicas como vehículo de integración e vertebración social e como ferramenta para visibilizar proxectos e persoas con diferentes capacidades, moitas veces excluídas socialmente. O programa conta co apoio da concellarías de Capital Cultural e de Dereitos e Servizos Sociais.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, foi a encargada de presentar a programación do XIII Encontro Artes pola Integración, acompañada pola súa directora artística, Carlota Pérez. Na rolda de prensa tamén participou a responsable de Cultura na Deputación da Coruña, Natividade González. A tenenta de alcaldesa mostrou a súa satisfacción \”porque o festival volva estar centralizado en Santiago, ainda compartindo sede coa Coruña, dentro da vocación de Compostela por ser a capital da cultura, da integración e do benestar social de Galicia\”. Rozas loubou \”non só a calidade artística do programa, senón sobre todo o traballo que ao seu abeiro se desenvolve con persoas con diferentes capacidades, demostrando que o talento artístico non entende de exclusións\”.

Artes pola Integración é un festival de transformación social a través das artes, que botou a andar en 2012 para visibilizar proxectos de comunidades afastadas ou de persoas \”con diversidades funcionais, moitas veces excluídas socialmente, e con talentos artísticos non comúns\”. O encontro desenvolveráse en espazos escénicos, pero tamén na propia rúa ou en espazos institucionais, que acollerán diferentes proxectos artísticos tanto de orixe local como estatais e internacionais. Ademais, haberá xornadas de reflexión e debate, así como diferentes actividades formativas.

Programación

O XIII Encontro Artes pola Integración comezará o próximo mércores, 19 de xuño, no Auditorio de Galicia. Alí poráse en escena un adianto da obra \”Cerebrartes\”, un proxecto financiado pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais no que Carlota Pérez leva traballando desde comezos de ano cun grupo de 20 rapaces e rapazas, e que pretende explorar a danza e o teatro desde o punto de vista da neurociencia. Varias das persoas que participan desa experiencia estiveron tamén na rolda de prensa. A montaxe íntegra, coa participación tamén da Banda Municipal de Música, poderase ver no mes de outubro. A esta peza seguirálle unha proposta da compañía catalá Promena. Xa no 22 de xuño, o hall do CGAC acollerá ás 18.00 h outra proposta da compañía Experimentadanza, co título de Tuétano.

O 6 de xullo, o XIII Encontro Artes pola Integración aterrará no centro sociocultural Maruxa e Coralia, cunha mostra de videodanzas en colaboración co Fiver Dance Film Festival, a proxección do documental \”Tres mujeres\”, de Alexis Delgado. A xornada completarase cunha mesa de debate baixo o epígrafe \”Territorios que crean\”, na que se presentarán diferentes proxectos como a Rede Aldear, Museum&Me ou a escola Waldorf Meniñeiros de Friol; e na que intervirán a arteterapeuta e artista disciplinar Rebeca Ponte; a xerente da rede museística de Lugo, Encarna Lago; o psicólogo Vicente Galaso; a bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo; ou Carlota Pérez e Jordi Cortés, da asociación Diversos.

Tamén na tarde do 6 de xullo está previsto un concurso de pezas para a counidade, que se desenvolverá no parque de Bonaval e que estará presentado por Adriana Paulos. Poderán participar grupos de entre unha e 5 persoas, nos que algún dos seus integranes teña recoñecida unha discapacidade física ou psíquica. Haberá dúas pezas galardonadas, e recibirán premios de 500 euros cada unha delas.

Por último, desde o 15 ata o 30 de xuño poderase visitar no CSC Maruxa e Coralia a exposición \”A pequena Bauhaus\”, un proxecto de deseño e artesanía protagonizado por nenas e nenos de 9 a 14 años e no que recoñecidos artísticos realizan obradoiros para compartir o seu traballo.

Malia o seu regreso a Santiago, o programa do XIII Encontro Artes pola Integración mantén tamén a súa sede na Coruña. Así, o 21 de xuño haberá dúas propostas, no Auditorio Forum e no teatro Rosalía de Castro; e para o 7 de xullo está prevista unha nova sesión do concurso de pezas para a comunidade, nos xardíns de Méndez Núñez.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.