Estamos de aniversario! Pincha fai seis anos informando en galego sobre gastronomía e cultura

6aniversariopincha

\"\"

Seis anos pasaron desde aquela primeira Pincha que se publicou en maio do 2017 en Compostela. Máis dunha trintena de números en Santiago despois e con xa catro edicións da revista na Coruña, facemos neste artigo un resumo deste tempo para que nos coñezas un pouquechiño máis!

Jorge Gago, chef do restaurante compostelán A Maceta que acababa de ser nomeado Cociñeiro Novo do Ano na edición dese ano do Fórum Gastronómico, protagonizou a primeira portada de Pincha. Nesas primeiras páxinas presentabamos por vez primeira o que chamamos o #equipazopincha: Rebeca Munín (directora), Alberto Seoane (deseñador), Iván Barreiro (fotógrafo) e as colaboradoras e colaboradores Jéssica Pintor, Ruth Ríos, Xiana Lastra, Juan Vázquez (@JuanEAT_o), Lorena Costas, José Crusat e Vicky Morales. Máis adiante sumaríanse Inés Silvalde, Delio Sánchez, César Varela, Silvia Castiñeiras e Marta Seoane. E coa saída de Pincha Coruña sumáronse Patricia Dopazo, Javier Pereira Gasamans, Carlos Palomar e Ana Romero.

#pinchanaradio, Pinchapas e premio #somospincha

Ademais de editar a revista en papel e actualizar a nosa páxina web revistapincha.server.micromedia.es/, así como as redes sociais Facebook, Instagram e Twitter; pronto empezamos a colaborar no programa de radio ‘Gente Viajera de Galicia’ de Onda Cero. O espazo que presenta a xornalista Susana Pedreira emítese todos os venres ás 19.20 h con contidos moi interesantes sobre turismo, ocio, cultura, gastronomía… Nós temos a sorte de poder participar desde os nosos inicios contando unha vez ao mes os contidos da revista e facendo recomendacións gastroculturais.

No 2019, para celebrar o noso segundo aniversario, fixemos tamén unha gran festa na que presentamos as Pinchapas e entregamos a Laura Delgado, do restaurante santiagués Bodeguilla de Santa Marta o premio #somospincha Un galardón co que quixemos homenaxear aos camareiros e camareiras da cidade.

\"\"

Pandemia con moito vídeo e guía de compras

O 2020 foi para Pincha o ano máis duro. Debido á pandemia da covid-19 só puidemos editar catro números en papel. Pero durante o confinamento non quedamos sen facer nada! Realizamos moitas entrevistaspor videochamada que aínda podes ver na nosa canle de YouTube e, no Nadal dese mesmo ano, lanzamos a nosa primeira Guía de Compras con propostas para agasallar de comercio local.

Tamén no 2020 recibimos o Premio Manuel Beiras que outorga o Concello de Santiago como empresa de nova incorporación ao uso do galego. O xurado destacou o enfoque fresco e moderno para tratar na nosa lingua contidos de amplo interese social como a cultura e a gastronomía e achegalos especialmente ao público novo.

Premios da Crítica e expansión

2021 foi o ano da recuperación despois dun tempo moi duro para os dous sectores dos que tratamos na revista e no 2022 chegaron as recompensas a tanto esforzo. Pincha foi finalista dos Premios da Crítica de Galicia na categoría de Cultura Gastronómica e en novembro lanzamos o primeiro número da edición da Coruña.

E así chegamos ata maio do 2023, con dúas edicións, moito traballo feito e unha gran ilusión por seguir crecendo.

Graciñas ao #equipazopincha, aos anunciantes sen os que sería imposible imprimir unha revista coma esta, ás e aos protagonistas das nosas páxinas e, por suposto, aos lectores e lectoras.

#somospincha

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.