Lorena Terrón, autora de Cans ego Mortis: \”Non se deben mercar nin regalar cans no Nadal\”

\"\"Lorena Terrón, de Meu Can, acaba de presentar na Coruña o seu libro \’Canis ego Mortis\’. Falamos con ela deste proxecto e da importancia de non mercar animais para regalar neste Nadal, senón mellor adoptar ou apadriñar.

Que é Meu Can e que labor facedes?

Meu Can divídese en dúas partes. Por un lado está Meu Can escola canina, que é como o seu nome indica unha escola canina onde realizamos clases de educación temperá, de grupo, particulares e a domicilio, ademais de deportes caninos como o Agility, habilidades caninas, mantraliling e propiocepción. Ademais de proxectos de TAA e TAC con especialidade na rama educativa e penitenciaria. Tamén facemos cine e televisión, as nosas cadelas Marnie e Lala saíron en series como ‘Viradeira’, ‘Serramoura’, ‘Néboa’ e tamén na película ‘A Parra’.

Meu Can é unha escola en positivo, de educación amable e que defende a importancia de respectar a personalidade de cada can e súa natureza. O noso lema é “Divírtete Aprendendo!”. A nosa especialidade é a modificación de conducta cunha experiencia de máis de 20 anos traballando como educadora canina titulada pola Xunta de Galicia co número de rexistro CCA-D 061.

A outra parte de Meu Can é a marca de produtos Meu Can, onde desenvolvín unha marca de deseños orixinais representando a diferentes cans e gatos coas súas características persoais. Os nosos produtos van dende sudadeiras, camisetas, mochilas, axendas, paraugas e tamén o noso libro en físico e audio libro ‘Canis ego Mortis’.

Que podemos atopar en \’Canis ego Mortis\’ e onde podemos mercalo?

En ‘Canis ego Mortis’ podemos atopar dezaseis relatos de animais. Son historias inventadas pero baseadas en feitos reais e tamén en personaxes reais, inspirados nos meus cans e cadelas e en aqueles que coñecín o longo da miña carreira como educadora canina.

Esta obra literaria presenta uns personaxes que sofren unha transformación, e se converten noutro ser con calidades especiais, que lle axudarán a comprender o seu obxectivo na vida.

É un libro crítico mediante o humor e a retranca, que quere concienciar e facer reflexionar respecto ao trato que temos cos animais e a natureza. Realmente a intención narrativa é facer comprender a todo o público a importancia de querer aos animais tal como son, e sempre tendo en conta a súa personalidade como individuo e as súas necesidades. En definitiva, ‘Canis ego Mortis’ pretende ser unha obra divulgativa, educativa, reflexiva e de concienciación do benestar animal e medioambiental.

Este libro estará dispoñible na nosa páxina web: www.meucan.es, na tenda O Agrow Shop (na rúa  Cultura nº 7, na Coruña) e tamén na nosa escola canina Meu Can.

En breve teremos tamén o audio libro coas voces das actrices María Verdía e Chus Álvarez, da man do equipo técnico de Jalsistemas .

Agora que están a piques de comezar as festas do Nadal e hai quen regala animais, que debemos ter en conta con eles?

O primeiro dicir que non se deben mercar nin regalar cans no Nadal, posto que é unha vida e é unha decisión moi importante que ten que tomala o titor ou titora do  can ou cadela. Esta práctica debe extinguirse, porque moitos cans e gatos que se regalan estas festas serán abandonados nos próximos meses nas canceiras ou protectoras. O mellor é adoptar un animal cando temos claro a responsabilidade que supón e estamos dispostos a compartir a nosa vida con el ou ela. Este Nadal apadriña un can ou gato, regala solidaridade, voluntariado… Hai moitas protectoras que necesitan axuda, regala alimento para os animais necesitados, medicinas e gastos veterinarios… O mellor é que regales Amor do Bo!

\"\"

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.