O Festigual volve á Coruña en novembro para celebrar a inclusión e a diversidade

\"\"

Novembro volve ser o mes do Festigual na Coruña, un encontro no que artistas, asociacións e público celebran a inclusión como forma de facer cidade e como sinal de identidade dunha cidade creativa e aberta á cultura. O Festigual – Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade celebrarase do 5 ao 28 de novembro, cunha programación que se espallará por unha ducia de espazos da cidade. Teatro, música, danza, artes visuais e obradoiros difuminarán as fronteiras do acceso á creación e ao consumo cultural. O Festigual, impulsado polo Concello da Coruña, celébrase dende hai 9 anos grazas ao apoio desde a súa primeira edición da Fundación María José Jove e de Vegalsa Eroski, ademais do compromiso doutras institucións como a Deputación da Coruña e as asociacións e artistas que colaboran co festival.

A presentación da novena edición do Festigual tivo lugar en María Pita coa participación de Nereida Canosa, vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña; Avia Veira, deputada provincial da Coruña; María Belén Rey, directora de Relacións Institucionais da Fundación María José Jove e responsable do programa Cultura Accesible e Festigual; e Irasema Damaso, responsable de RSE de Vegalsa-Eroski.

No Festigual, a inclusión non é un apartado especial, senón a forma natural de facer cultura. O seu obxectivo é garantir o acceso universal á cultura e promover a participación activa de todas as persoas na vida artística da cidade, con especial atención a quen está en situación de vulnerabilidade Cada edición incorpora espectáculos profesionais con medidas de accesibilidade, como subtítulos, intérpretes de lingua de signos ou mochilas vibratorias, e tamén propostas impulsadas por asociacións e proxectos comunitarios. O resultado é un festival pensado para todas as persoas, que demostra que a inclusión non limita, senón que multiplica as maneiras de gozar e compartir a cultura.

Na súa novena edición, o Festigual amplía horizontes e incorpora por primeira vez como sedes a Fundación María José Jove ou a Fundación Marta Ortega, que ofrecerán visitas guiadas adaptadas ás súas coleccións de arte e fotografía. As actividades chegarán tamén ao Centro Penitenciario de Teixeiro, un espazo que o festival converte nun novo escenario para dar voz a quen adoita quedar ás marxes. Alí representarase unha versión contemporánea da obra \’Yerma\’, da asociación Noite de Bohemia no seu proxecto de cultura accesible e inclusiva, que revisita a dureza da vida das mulleres a comezos do século XX e os silencios impostos pola sociedade.

A edición abrirá coa \’Gala Música Baixo as Estrelas\’, que levará ao Teatro Colón ás músicas e músicos da rúa, poñendo en valor o seu talento cotián e reivindicando o seu papel como parte esencial da banda sonora da cidade. A IX edición do Festigual – Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade ofrecerá tamén espectáculos que abordan temas de plena actualidade, como o acoso escolar en \’O pequeno poni\’, de Redrum Teatro. Coa mirada posta na cativada, nas familias e na educación baseada na normalización dos valores, o festival propón pezas como \’De tu a tu\’, de Collectiu Mur, que explora a complicidade e a confianza a través do humor e das acrobacias; ou \’De corpo a palabra\’, da compañía Experimentadanza, que combina danza, poesía e música en directo para celebrar a diversidade das linguaxes artísticas.

A programación familiar complétase con \’Podemos volar sin alas\’, de Cris de Miguel, un espectáculo de monicreques e poesía que celebra a diversidade e o poder dos soños. O festival contará ademais con proxectos de cultura urbana, como o Freestyle People en Puré Free, de Poten100Mos, ou as sesións participativas de Negus DJ Inclusivo.

Haberá tamén espazos de reflexión e coidado, como a Xornada de Arte e Saúde no Hospital de Oza, que reunirá profesionais para explorar os vínculos entre creación e benestar. Haberá tamén espazo para o Obradoiro de Danzaterapia XQN en familia, unha proposta interxeracional para explorar o corpo e o movemento.

As exposicións completan a programación. \’Carreiros sen néboa\’, de Nós Why Not?, é unha mostra fotográfica que rompe prexuízos sobre a discapacidade. A proposta da Sociedade Filatélica da Coruña, \’150 aniversario da liña férrea A Coruña – Lugo\’, pon o foco no patrimonio e na memoria colectiva da cidade e unha pequena mostra da actividade de inclusión que realizou a Sociedade Filatélica con motivo de ano Picasso cunhas lonas na Casa da Auga.

O cinema incorpórase este ano como nova disciplina do festival grazas á colaboración do Fórum Metropolitano, que dedicará a Sala Fernando Rey durante o mes de novembro a unha programación arredor da inclusión e a diversidade. A proposta incluirá varias proxeccións internacionais e unha selección de pezas do proxecto Miradas Diversas, da Asociación Cultural Albatros.

Como peche, o concerto de A Banda da Loba converterá o Centro Ágora nunha gran festa final inclusiva, presentando o seu novo disco, \’Lovismo\’.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.