O festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso celebra a súa segunda edición na Coruña

\"\"

O festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso desenvolverá a súa segunda edición os días 29 de febreiro e 1 e 2 de marzo, ampliando a súa duración de dous a tres días, ademais de contar cunha programación paralela que xa está en marcha nos centros educativos da cidade. O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou no Teatro Colón a programación dun festival que organiza o Concello da Coruña xunto á Asociación Palestra e diferentes entidades colaboradoras (Fundación 26D, Les Coruña, Comité Anti SIDA da Coruña CASCO e CoruFest).

Nesta segunda edición haberá tres xornadas, con cinco sesións e un novo encontro con algúns dos artistas e cineastas participantes. A sede de Norte Cinema Diverso será o Teatro Colón co obxectivo de ampliar tamén o número de asistentes as diferentes proxeccións e actividades e facer medrar esta iniciativa. Ademais de Gonzalo Castro, tamén estiveron presentes no acto de presentación Fito Ferreiro, organizador do festival, e Samira Ganay, da Academia Galega do Audiovisual, que presidirá o xurado do premio Marieta á mellor curtametraxe.

O obxectivo do festival é amosar as diferentes realidades do colectivo LGTBIQ+ a través do cinema. \”O Goberno de Inés Rey amosou sempre un especial compromiso co colectivo, apoiando diferentes iniciativas como esta, a disposición de toda a cidadanía, independentemente da idade e o xénero\”, indicou Gonzalo Castro.

O xoves 29 de febreiro inaugurarase a partir das 21.00 horas o festival, nun acto presentado pola directora Anxos Fazáns. Proxectarase a curtametraxe documental \’Habitar\’, da propia realizadora, e a película \’Lobo e cao\’, de Cláudia Varejao. O venres 1 de marzo a xornada comezará ás 19.00 horas e o sábado 2 de marzo, ás 12.00 horas, cunha sesión gratuíta na que se proxectarán nove curtametraxes. Pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar a mesa con realizadores e actores das obras do certame e, ás 21.00 horas, proxectarase \’Te estoy amando locamente\’, de Alejandro Marín. En total, poderanse ver 16 pezas audiovisuais e asistir a un encontro con profesionais. As entradas pódense adquirir na páxina web e na taquilla do Teatro Colón.

Unha das novidades desta edición será a súa programación paralela, formada polos programas NCD Educa e Creando Diversidade. NCD Educa é unha iniciativa para achegar o cinema LGTBIQ+ ás aulas da cidade e xerar un debate entre a comunidade educativa. Membros das entidades colaboradoras participan neste proxecto, que xa se desenvolveu nos centros Eusebio da Guarda, Urbano Lugrís e Monte das Moas, e pasará tamén por Zalaeta e A Sardiñeira. As curtametraxes que se proxectan nas aulas foron cedidas pola Fundación Pedro Zerolo.

Creando diversidade

Por outra banda, o festival contará tamén co obradoiro \’Creando diversidade: introdución ao cine con móbil\’. O curso, impartido polo cineasta Domingo D. Docampo desde o 12 de febreiro no Centro Cívico da Cidade Vella, está destinado ás persoas interesadas en sacarlle todo o partido ao seu teléfono móbil mediante a creación audiovisual.

Creando diversidade impartirase os luns, mércores e venres desde o 12 de febreiro ata o 23 de febreiro. O sábado 24, realizarase unha masterclass tamén no Centro Cívico da Cidade Vella. As prazas serán para as primeiras 15 persoas que se inscriban, de balde, no enderezo de correo: nortecinemadiverso@gmail.com. A curtametraxe resultante do curso proxectarase o sábado 2 de marzo ás 21.00 horas no Teatro Colón.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.