Os chefs Miguel Vidal e Pablo Morales: “Somos os dous coruñeses, atrevidos e gústanos facer cousas diferentes”

Por Ana Romero

\"Miguel

Hai xa un par de anos, prepandemia segundo a nova maneira de contar o paso do tempo, o mestre pasteleiro e coruñés Pablo Morales, de Habaziro, visitou o restaurante doutro coruñés, viaxeiro e algo “macarra”,  Miguel Vidal, copropietario e chef dos restaurantes Morgana e Volandeira, ambos os dous no barrio de Chueca, en Madrid.

Pablo non tardou en fixarse nun dos bocados da carta de Miguel, ‘Mini croissant de atún roxo, salsa verde mex e ovo de paspallás’. Foi alí cando pensou en colaborar con Morgana facendo, por exemplo, uns croissants para eles. A Miguel chegáronlle segundos para darse de conta que entre eles acababa de nacer o comezo de algo que estaban a piques de desenvolver.

Un ‘a catro mans’ non conta catro mans en total, senón que, segundo Miguel, “debería de ser un ‘a doce mans’, incluíndo a todo o equipo. Non é xusto chamalo a catro mans coma se os demais non levasen o seu mérito”. Pero empezando polo principio como é costume, sigamos por como nace un evento coma este.

Pablo asegura que para el “o máis importante é que haxa unha boa química entre os cociñeiros, un feelingque permita que vaia á súa casa e que nos divirtamos cociñando xuntos. Na cociña temos que transmitir e Miguel dende o primeiro minuto así o fixo. Saíu só”.

Ante a pregunta de se este encontro sería posible entre outros dous cociñeiros de estilos moi distintos, Vidal móstrase firme: “non, non encaixan todas as propostas. Teñen que semellarse. No noso caso somos os dous coruñeses, atrevidos, gústanos facer cousas diferentes e é o que temos en común. Aos dous gústanos o que fai o outro, aínda que sexamos de especialidades dispares”.

Nun ‘a catro mans’ unha vez que dous cociñeiros deciden facer algo xuntos, o seguinte paso é comezar o proceso creativo, a  arquitectura do menú. Morales argumenta por que a pastelería ou a bolaría teñen cabida nun menú como o de Morgana e é que “todo menú ten unha parte doce. Ademais, na carta de Morgana hai petiscos cuxas bases  pódense facer dende Habaziro, á parte das sobremesas”. “Miguel non viría a Habaziro a facer unha vieira, pero si o recheo dunha empanada. A chave é atopar esa sinerxía”, segue o pasteleiro. As sobremesas ideadas por Pablo son pouco doces e con toques afumados, inspiradas nas brasas de Morgana que fan como fío condutor en toda a proposta gastronómica do restaurante de cociña galega con alma viaxeira.

O público asistente recibe nestes casos unha breve introdución dos dous cociñeiros e do menú que van degustar, “pero sen chegar a abafar – engade Vidal-. A min, por exemplo, coas verduras gústame dicir o nome e apelido dos provedores pequenos. Sen chegar a ser pesados, pero contar un pouco”. “Tamén é certo que o sexto sabor é a historia do prato, como lle escoitei dicir a un cociñeiro hai tempo e pareceume marabilloso. Tiña razón cando dicía que se pos un peixe nun restaurante, os clientes non entendían, pero se contaba que o pescaban artesanalmente ou as técnicas de curado o consumidor xa pensaba doutro xeito”.

En total serviron 45 menús. Moitos dos afortunados eran galegos e amigos dos cociñeiros, pero tamén clientes diarios con ganas de coñecer propostas novas. “Estas ocasións tamén serven para probar pratos que temos na cabeza, ver se gustan ou encaixan”, engade o cociñeiro de Morgana.

Para ningún dos dous era a primeira vez. Pablo xa fixera un ‘ a catro mans’ cun amigo pasteleiro de Tarragona facendo un roscón e unha crostata, mentres que Miguel probou cos mexicanos Mawey en Madrid e na Terraza do Mar en Sanxenxo cun menú degustación.

Os prezos nun ‘a catro mans’ teñen que ser acordes cos do restaurante. Se os sobrepasan moito os clientes potenciais non o pagarían, pero Pablo non o fixo polo beneficio, “é mais pasional que outra cousa. Pensabamos en pasalo ben, no meu caso saír da rutina, vir a Madrid, poñerme a proba, facer un doce novo e tamén promocionar a nosa marca. Se fora polos cartos faríamos hamburguesas a 10 euros. Isto é para xente que lle gusta a gastronomía e que vén a desfrutar, que entenden o traballo que leva todo isto”.

Todo apunta a que non será o primeiro nin o último, polo que recomendamos estar atentos ás redes sociais dos dous cociñeiros para ver as novas que estes galegos, atrevidos e grandes amigos teñen entre mans  (ou fogóns).

Imprescindibles de Morgana

O bolo de leite, o polbo e o peixe sapo.

Onde atopalos?

Morgana, Rúa Libertad 5, Madrid.
Volandeira, Rúa Augusto Figueroa 33, Madrid.

 

 

Imprescindibles de Habaziro

O croissant normal e o glasa, a crostata, o roscón de reis ou o tiramisú.

Onde  atopalos?

En Matogrande e na Avenida Finisterre, 3 (A Coruña)

[siteorigin_widget class=\”SiteOrigin_Widget_Image_Widget\”][/siteorigin_widget]

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.