Recta final das Residencias Artísticas Mariñán 2025, auténtico berce do talento galego

\"\"

A responsable de cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, compartiu xornada cos e coas participantes nas Residencias Artísticas Mariñán 2025, nunha visita na que coñeceu de primeira man seis dos oito proxectos seleccionados nesta edición. Concretamente, a deputada de cultura estivo cos autores Blanca Trigo e Sergio Marey da modalidade de literatura, e Paula Sanmartín e María Bella da modalidade de pensamento; e cos músicos Abril e Incra.

“No departamento de Cultura da Deputación da Coruña”, explica González, “cremos firmemente na importancia de proporcionarlles ás e aos artistas un espazo propicio para que traballen nos seus proxectos, e Mariñán ofrece ese lugar de encontro, traballo comunitario, intercambio e aprendizaxe, onde reflexionar, avanzar e repensar as propostas, lonxe do ritmo vertixinoso do cotiá”. “Ver”, engade, “como os artistas aproveitan este tempo e este espazo para conectar, intercambiar, crear e aprender é unha satisfacción e un orgullo, e anímanos a seguir apostando por este tipo de iniciativas”.

As Residencias Artísticas Mariñán son, para a deputada, “un piar fundamental da programación do departamento de Cultura da Deputación, exemplo das políticas de apoio á creación cultural na nosa provincia e en toda Galicia”. “O talento que se reuniu aquí é excepcional, e estou segura de que os proxectos que xurdan desta residencia terán un grande impacto no panorama cultural galego, como xa o están a ter”. E puxo de exemplo a montaxe teatral Iribarne, de ButacaZero, que participou nas Residencias en 2022 e vén de ser a gran triunfadora dos premios María Casares con  nove galardóns que se suman á súa excelente traxectoria desde que se estrease no teatro María Guerrero a finais de 2023.

Participantes e proxectos

Desde o 31 de marzo, ata o 11 de abril, están no Pazo de Mariñán a desenvolver os seus proxectos Blanca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento. Compartiron espazo, entre o 31 de marzo e o 5 de abril, cos e coas residentes da primeira quenda da modalidade de música, Nanu (Creación de percusión para EP) e Ailén Kendelman (Unha señora orquestra); e tamén cadrarán no Pazo, do 6 ao 11 deste mes, cos e coas participantes na segunda quenda, Abril (Investigación e creatividades para disco) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).

A residencias inclúen a dotación material necesaria e espazos axeitados no Pazo de Mariñán para o desenvolvemento das propostas; manutención e aloxamento para as e os participantes; encontros con persoas relacionadas co mundo da creación e do pensamento; formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto por parte de expertas e expertos convidados; visitas e reunións con outras e outros axentes culturais e programadores como apoio á continuidade da proposta dentro dos circuítos musicais, e acompañamento e seguimento do proxecto, co fin de facilitar a súa viabilidade, por parte da comisaria de música, Aitana Cuétara,  e do comisario de literatura e pensamento, Roberto Abuín.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.