Risoto de osobuco no Ama Restaurante

@JuanEAT_o, nun dos comedores do restaurante Dos Raíces. Foto: Iván Barreiro

\"\"

Amosámosvos un dos locais que abriu as súas portas neste 2023 na Coruña. O chef Vicenzo Amaddeo está detrás deste restaurante italiano contemporáneo, no que tamén mestura produto galego e toques de cociña oriental, froito da súa experiencia noutros establecementos hostaleiros.

O espazo é pequeno, pero moi ben aproveitado. Cunha decoración e iluminación íntima que permite gozar da experiencia sen distraccións, fixándote no que realmente importa: a comida e a compañía.

Na súa visita, o noso @JuanEAT_o tivo a oportunidade de probar un dos seus pratos estrela, o máis vendido ata agora da carta: un \’Risoto de osobuco con azafrán e pimentón da Vera\’ do que vos fala a continuación.

Pero ademais, entre os pratos que cociñan no restaurante AMA atopamos tamén \’Ravioli con queixo do Cebreiro e manteiga de miso\’, \’Spaguetti Pomodoro\’, \’Lacón Tonnato…\’ así como unha coidada carta de viños. A oferta complétase cunhas deliciosas propostas para as sobremesas que inclúen \’Cannolo con crema ao pistacho\’, tiramisú e tarta de queixo. Non podes marchar do local sen probar algunha!

[siteorigin_widget class=\”SiteOrigin_Widget_Hero_Widget\”][/siteorigin_widget]

DATOS

Lugar:

Rúa Boquete de San Andrés, 14 | A Coruña

Prato:

Risoto de osobuco con azafrán e pimentón da Vera

Prezo:

Sobre 24

[siteorigin_widget class=\”SiteOrigin_Widget_Headline_Widget\”][/siteorigin_widget]

Benvidos e benvidas a AMA Restaurante, un local pequeno no que a comida é o centro de atención… case literalmente! E é que a decoración e a iluminación están pensadas para que a experiencia sexa do máis intima, con luces apuntando directamente aos pratos que nos chegan para degustar. Que boas vistas!

A min tocoume ‘observar’ e probar -moi gustosamente- o seu \’Risoto de osobuco con azafrán e pimentón da Vera\’. Se xa visitastes este restaurante italiano contemporáneo nos cinco meses que leva aberto na Coruña, seguramente xa probariades este delicia culinaria, pois segundo conta Vicenzo Amaddeo, o seu chef, este é a proposta máis demandada da súa carta. “É un prato que necesita moito amor e moitas horas e creo que é un pouco a clave da cociña que facemos aquí”, contounos na nosa visita ao local.

Este risoto representa a súa aposta pola fusión entre a cociña italiana, de onde é natural, e a nosa terra galega. De aí ese toque de azafrán e pimentón. Un arroz meloso cun sabor a queixo intenso, pero con final doce. Vicenzo utiliza un parmesano curado durante 24 meses que lle aporta un sabor bastante peculiar e que tendes que probar.

Por outra parte, a carne estaba moi tenra e saborosa e, unida ao risoto, daba como resultado un bocado delicioso e divertido.

Gocei moito a miña papatoria no AMA Restaurante, sen que faltase unha boa copa de viño, e coa compañía de Vicenzo e Dari Cipión -responsable de sala-, ámbolos dous moi amables e simpáticos.

[siteorigin_widget class=\”SiteOrigin_Widget_Headline_Widget\”][/siteorigin_widget]

\"\"

Por Silvia Castiñeiras

O seu nome non dá lugar a equívoco, Vincenzo Amaddeo é italiano e o seu restaurante, que leva cinco meses aberto na Coruña, trata da cociña do seu país pero de moito máis. E é que o seu local leva escrito, ademais das primeiras sílabas do seu apelido, toda unha declaración de intencións: AMA Italiana contemporánea.

Tras once anos en España, este cociñeiro formado en hostalería en Roma aventurouse co seu propio negocio, despois de ter traballado noutros locais e adquirir experiencia, por exemplo, na cociña oriental. É por iso que non se pecha só no tradicional da súa terra, senón que aproveita eses coñecementos e súmalle outro ingrediente, o produto galego. Toda unha fusión que está causando sensación nos comensais que xa pasaron durante este tempo polo seu acolledor local.

Fai cinco meses que está aberto o  teu restaurante, como están indo as cousas?

Estamos contentos porque vemos que á xente gústalle moito o que facemos, pero como todo negocio que arrinca precisa tempo para que nos coñezan e se vaia asentando. Iso si, non hai queixa ningunha porque foi un arranque moi bo e agora vén o difícil, hai que manterse. Estou contento coa decisión que tomei de poñer isto en marcha e tamén por como quedou a reforma que fixen do local, creando este espazo.

E como decidiches lanzarte e poñer en marcha o teu propio negocio?

Levo dez anos en Galicia e a idea do local foi unha historia bastante particular porque a miña idea era completamente outra. Xusto antes do covid, en 2019 estiven traballando en Baleares, e a miña intención naquel entón era mudarme e vivir alí. O caso é que volvín momentaneamente á Coruña, pero coa idea de volver e establecerme nas illas, e pilloume a pandemia. Aí tiven moito tempo para pensar no que realmente quería facer e axudou moito que co parón en xeral e o estancamento do turismo a cousa en Baleares tampouco pintaba tan ben. Aí estiven madurando a miña idea, pensei en abrir o restaurante e en canto puiden, fíxeno.

E mentres se facía realidade o proxecto?

Estiven traballando nunha taberna xaponesa no centro da cidade, no Monkee Ramen, pero ao final todo cociñeiro ten o soño de montar algo algún día. O proceso levou o seu, estiven buscando o local máis axeitado e cando atopei o que me gustaba púxenme co proxecto… Ata ter todo listo.

Tiñas claro cal querías que fora o concepto do local?

A verdade que en canto ao espazo tíñao moi claro. Quería dende un principio un local que fora pequeno, algo íntimo e con poucas mesas. O interior ten unha cor escura coa luz enfocada nas mesas. Ademais, ten varios niveis e en cada mesa parece que estiveras nun recuncho propio e particular.

E no tipo de cociña que defines como italiana contemporánea tamén o tiñas claro?

Si, tamén clarísimo. Parto de que son italiano pero levo moitos anos aquí, traballando sobre todo na cociña oriental, así que tampouco é que me sinta un cociñeiro italiano clásico. É precisamente esa experiencia no oriental, que xa me viña de Italia porque o meu primeiro traballo alá xa foi nun bar de sushi, a que me impulsou dalgunha maneira a esta idea. Propúxenme fusionar esa raíz italiana co bo produto galego e cun toque marcado polos meus coñecementos na cociña oriental.

Algún prato destacado do menú, exemplo dese tipo de cociña?

Démonos conta durante estes meses que levamos traballando, porque ao final é a xente a que decide estas cousas, que o noso prato estrela é o risoto de azafrán e pimentón con osobuco. Estamos vendo que é o prato que gusta máis porque é claramente o máis demandado. Pero hai outras receitas importantes que tamén están a triunfar como é o ravioli con queixo do Cebreiro e manteiga de miso. Este último é un prato que precisamente nos representa moito.

Entón nada de pizza, non?

Non, non, na nosa carta non hai pizza aínda que todo o mundo pense niso cando falas dun italiano. O certo é que en Italia hai dúas escolas: os cociñeiros e os pizzeiros. E é que os italianos o tema da pizza tómano moi en serio, é algo moi profesional. Tendo en conta isto non é algo no que eu me sinto cómodo, non é o meu campo e para facer unha cousa mal, non a fago. Ademais, para facelo ben necesitaría habilitar un forno de leña…

Varías moito a carta ou é máis ben fixa?

Si varío, movémonos continuamente en base ás estacións do ano e imos cambiando pratos segundo iso. Xa o fixemos agora con respecto ao verán, que xa substituímos algunhas propostas, e cara o inverno tamén o faremos. Gústame cambiar e ir ofrecendo produto de tempada. Iso si, algunha receita xa a levo comigo dende sempre, dende a miña infancia no sur de Italia. Pero tamén teño influencias do norte porque os meus pais viviron en Venecia por traballo, de feito nacín no norte, e trouxeron pratos que aprenderon alí e facían despois na casa.

Pero, o mundo da cociña venche de familia?

Non, nada que ver. Eu formeime nisto porque na miña casa sempre cociñou moito miña avoa e miña nai e sempre tiven curiosidade, pero ninguén se dedicaba a isto profesionalmente. Á hora de pensar nunha saída profesional decidín que cociñeiro podía ser un bo oficio para min.

1 comentario sobre “Risoto de osobuco no Ama Restaurante”

  1. Hemos repetido en Ama restaurante italiano y solo decir que es muy difícil encontrar algo mejor en esta ciudad y alrededores.
    Un lujo coruñés

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.