Taberna Triay, Roots, Intenso e Ajetreo, gañadores do XVIII Concurso de Tapas Picadillo

premios picadillo 2022

\"\"

O XVIII Concurso de Tapas Picadillo viviu hoxe o seu peche coa entrega de premios ás mellores propostas das diferentes categorías desta edición. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu, un ano máis, a alta participación dos establecementos de hostalería da cidade e destacou a calidade das tapas elaboradas. Taberna Triay, Roots, Intenso e Ajetreo son os gañadores desta edición, con mencións especiais a Taller de Sastrería (unha mención) e Casa Surrey (dúas mencións).

A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, o concelleiro de Turismo e presidente do Consorcio de Turismo e Congresos de A Coruña, Juan Ignacio Borrego, a neta de Picadillo e membro da Academia de Gastronomía de Galicia, Carmen Fernández-Gago Puga, e o Relacións Públicas de Hijos de Rivera, Sergio Castellanos, entregaron os premios no acto celebrado esta mañá. Inés Rey subliñou o alto nivel do concurso de tapas máis antigo dos que se celebran en Galicia, que nesta edición cumpre a súa maioría de idade. “Este concurso contribúe a facer que a nosa cidade sexa referente na gastronomía do noroeste de España”.

A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu ao xurado a súa participación, tanto ao xurado profesional (encargado de seleccionar as propostas premiadas) e á súa presidenta, Chau Fernández-Gago Puga (neta de Picadillo), como ao xurado inicial, responsable de evaluar as 60 tapas participantes nesta edición e de elixir as finalistas. “Cónstame que tivo un arduo traballo para poder ditaminar as tapas premiadas”, asegurou.

A rexedora tamén puxo en valor a identidade diversa do concurso, “no que participan todos de igual a igual, desde os establecementos máis pequenos aos máis grandes ou desde os máis novos aos máis tradicionais. É un un escenario imprescindible no que, ano a ano, o tecido gastronómico da nosa cidade amosa o seu inmenso potencial”.

Premiados

Na categoría Mellor Tapa Receitario Picadillo, unha modalidade nova nesta edición, resultou gañador o establecemento Taberna Triay, coa súa tapa “Soldadiños de Pavía”. O Premio á Mellor Tapa Creativa foi nesta edición para Roots, coa súa creación: “Gyoza de chocos na súa tinta”. Ambos galardóns foron elixidos por un xurado profesional. Tamén houbo premios por votación popular. Intenso é o gañador do Premio na Categoría de Maridaxe con Cervexa Estrella Galicia 1906 coa súa tapa: “Croqueta esférica de lumbrigante galego”. Ademais, o Premio Picadillo 2022 da Cidade da Coruña recaeu nesta edición en Ajetreo, coa súa creación: “Pequena cana con aroma de óso de cana rechea de tenreira sobre crema de allo porro e pataca”.

As mencións especiais foron, nesta edición, para Taller de Sastrería, coa tapa “Brioche KmC” e a cervexa Estrella Galicia 1906. Este establecemento recibiu a Mención Especial Categoría de Maridaxe con Cervexa Estrella Galicia 1906 (por votación popular). Casa Surrey obtivo dúas mencións especiais, na Categoría Premio Tapa Receitario Picadillo, coa tapa “Mexillóns compostos”; e na Categoría Premio Tapa Creativa, co “Brioche de carne”.

Nas categorías de Mellor Tapa Receitario Picadillo e Mellor Tapa Creativa cada premio é de 1.000 euros e nas categorías de Maridaxe e Cidade da Coruña, de 500 euros respectivamente.

Nesta edición do Concurso de Tapas Picadillo participaron 52 establecementos da cidade con 60 tapas.

\"\"

Greca gaña a VII edición de Boucatise

Greca Bar gañou por partida dobre o Boucatise, o VII Festival Bocata Gourmet A Coruña, celebrado esta fin de semana no Mercado de San Agustín. Como resultado da votación popular, a proposta ‘Chapata de cerdo al estilo Shin Chan’, de Greca, fíxose co premio “Mellor Bocata Boucatise 2022” e tamén co galardón “Mellor Bocata Boucatise-Maridaxe Estrella Galicia”.

Participaron nesta edición de Boucatise, organizado cada ano polo Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos, 12 establecementos coas súas propostas de bocadillos ideados en exclusiva para este evento: Asador Gonzaba, Cantón 23, Intenso, La Conquista, La Esquina de Valentina, Greca Bar, La Mansión 1783, La Teresa, Millo Orzán e Roots. Na planta baixa do mercado: Habaziro e Café Veracruz, coas súas propostas de doce e café. Os prezos dos bocadillos situáronse entre os 4,50 e os 6 euros.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

The owner of this website has made a commitment to accessibility and inclusion, please report any problems that you encounter using the contact form on this website. This site uses the WP ADA Compliance Check plugin to enhance accessibility.